Que é o calendario histórico xacobeo?

Este calendario en liña é un proxecto divulgativo pensado para ofrecer outro xeito de coñecemento da cultura xacobea e o Camiño de Santiago. Trátase dun fenómeno excepcionalmente plural e complexo no tempo, o espazo físico, os protagonistas, as expresións materiais e inmateriais, e as manifestacións antropolóxicas. Esa riquísima diversidade é a que se pretende mostrar.

Ofrécense, de inicio, 508 mencións que abranguen os 365 días de cada ano, incluído tamén o 29 de febreiro para os casos dos bisestos. Pero coa posibilidade de inclusión de novas datas que, acompañadas da súa fonte correspondente, irán ampliando o foco dunha realidade que, como a xacobea, ten xa interese e repercusión mundial.

A orixe do proxecto estivo na elaboración dunha axenda para o Xacobeo 2021 que recollese en cada un dos 365 días do ano un feito xacobeo acontecido neles en calquera dos doce séculos de existencia do Camiño. As referencias seleccionadas para a axenda, coas que se buscou ofrecer unha visión integradora da cultura xacobea pasada e presente, foron unha por día, agás o 25 de xullo, festividade de Santiago, que incluíu tres. Polo tanto, as demais poden consultarse aquí.

As fontes

As fontes utilizadas foron na súa meirande parte de orixe bibliográfica. Fontes secundarias e terciarias que levan case sempre ás fontes primarias. As entradas da Xacopedia ‒http://www.xacopedia.com/‒ consultadas parten tamén principalmente doutras de orixe bibliográfica. Malia que os autores/as destas entradas non se especifican, poden coñecerse polas iniciais dos seus nomes e apelidos situadas ao final de cada unha delas, en http://www.xacopedia.com/creditos.html. Tamén se solicitou a colaboración de entidades, asociacións, peregrinos, expertos, hospitaleiros, etc., e así se detalla en cada caso.

As fontes de determinadas datas complementáronse e contextualizáronse polo propio autor. Estas achegas advírtense coa intención de evitar posibles equívocos.

Polo demais, este calendario queda aberto a novas fontes.

Manuel F. Rodríguez
S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
TURISMO DE GALICIA

(*) Os nomes de peregrinos acollidos nos hospitais anteriores ao século XX aparecen escritos tal como se conservan nos rexistros orixinais.

Agradecementos