22/02/2021

A Xunta activa axudas para que as axencias de viaxes promocionen Galicia e o Xacobeo como destino seguro

  • A primeira das axudas, que xa foi publicada no DOG, destina 2,4M€ á dixitalización das empresas e a comercialización de novos paquetes turísticos
  • Esta semana publicarase no Diario Oficial de Galicia a segunda orde, con 1,2M€, para gastos de alugueiros ou hipotecas
  • O vicepresidente primeiro comprometeuse en Vigo co futuro do sector, que poderá beneficiarse do plan de choque para a recuperación do turismo
Vigo, 22 de febreiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe en Vigo o seu compromiso coas axencias de viaxe que operan na comunidade porque elas serán o motor de Galicia como destino seguro e da promoción do Xacobeo en canto as limitacións pola crise do coronavirus o permita. Con ese fin e para axudalas a superar a crise, a Xunta vén de activar axudas ao sector por un importe de 3,6 millóns de euros.

Nunha visita á axencia Bivestour, na que tamén estiveron presentes representantes da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi) e da Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (Avipo), Alfonso Rueda recordou que as empresas do sector poden solicitar xa as axudas para gastos de seguros de caución, dixitalización e comercialización de novos produtos, por un importe de 2,4 millóns. Estas axudas permitirán renovar e actualizar as axencias de viaxes, así como prepararse para a recuperación do sector co deseño de novos paquetes turísticos que impulsen a imaxe de Galicia como destino seguro e que promovan o Xacobeo.

Esta semana, segundo avanzou o vicepresidente primeiro, sairán publicadas no DOG as segundas axudas para o sector, con 1,2M€ para cubrir gastos de alugueiros ou de hipotecas. Deste xeito, a Xunta colabora no mantemento destes negocios á espera de que nos vindeiros meses a situación sanitaria permita a reapertura da mobilidade e que as empresas do sector recuperen a súa actividade. “As axencias de viaxes van ser fundamentais para a recuperación. Neste momento tan complicado, o que hai que facer é axudalas, e iso é o que está a facer a Xunta”, dixo Alfonso Rueda, quen tamén reclamou para o sector axudas directas do Goberno central.

As axudas específicas para as axencias de viaxe, que foron consensuadas co sector, súmanse ás que a Xunta adiantou o ano pasado por un importe de 1,3 millóns de euros; 500.000 para a primeira campaña de Galicia Destino Seguro e 800.000 para turoperadores e axencias con máis de dez empregados.

Afonso Rueda recordoulles, ademais, que as axencias de viaxes forman parte das empresas turísticas que se van beneficiar do plan de choque posto en marcha pola Xunta para a recuperación do turismo, do que forman parte iniciativas como o seguro coronavirus, o bono turístico ou o programa Elixe Galicia, co obxectivo de reforzar a confianza na comunidade como destino turístico. A aposta da Xunta polo sector complétase co segundo plan de rescate a hostalería, con 75 millóns de euros que se suman aos máis de 86 mobilizados na primeira convocatoria.