30/03/2021

A Xunta invita á ministra de Turismo, Reyes Maroto, a visitar Galicia para presentar o Plan Nacional do Xacobeo anunciado polo Goberno

  • O documento concretará os prazos e os orzamentos estatais para o Ano Santo 2021 e a súa ampliación ao 2022
  • O vicepresidente primeiro reclamou, na Conferencia Sectorial de Turismo, que as axudas prometidas aos sectores máis castigados pola pandemia sexan directas e áxiles “para que cheguen o antes posible aos beneficiarios”
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

O vicepresidente primeiro invitou hoxe á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, a visitar Galicia e a presentar o Plan Nacional do Xacobeo comprometido polo Goberno estatal para financiar o Ano Santo 2021 e a súa ampliación ao 2022.

A Xunta conseguiu hai unhas semanas do secretario do Estado de Turismo, Fernando Valdés, o compromiso de que o Goberno presentará antes do verán o Plan Nacional do Xacobeo, para o que non hai aínda unha consignación orzamentaria. Tendo en conta a situación na que se atopa o sector turístico pola pandemia e o revulsivo que pode supoñer esa cita para a súa recuperación, o vicepresidente primeiro animou á ministra a implicarse cun evento de ámbito internacional e a dar a coñecer o plan na meta de todos os camiños xacobeos, en Santiago de Compostela.

Alfonso Rueda trasladou a invitación á ministra no seo da Conferencia Sectorial de Turismo celebrada hoxe entre representantes do Goberno estatal e das comunidades autónomas para tratar, entre outras cuestións, medidas de apoio ao sector para mitigar o impacto da crise económica. Nese contexto, o vicepresidente primeiro incidiu na necesidade de que as axudas anunciadas hai tempo polo Goberno central e dirixidas aos sectores máis castigados pola pandemia se tramiten con rapidez e que se reduzan os requisitos “para que cheguen canto antes aos beneficiarios”.

A Xunta confía tamén en que desde o Goberno central se leve a cabo un reparto xusto dos fondos europeos que, desde o punto de vista do vicepresidente primeiro, son fundamentais para a recuperación económica do sector turístico galego, se ben Alfonso Rueda lamenta que a Galicia non lle vaian corresponder máis que 234,4 millóns de euros, cando a Xunta reclama 340 tendo en conta o peso dos autónomos e das microempresas na comunidade.

No encontro abordouse tamén a posta en marcha dunha nova convocatoria do Plan de Sustentabilidade Turística, á que a Xunta presentará a proposta presentada pola Mariña Lucense e o programa Ourense Termal, agardando que a Secretaría Xeral de Turismo as aprobe este ano e que se sumen ás que contaron co visto bo do Ministerio de Turismo o ano pasado: Santiago de Compostela e a Ribeira Sacra. A Xunta ten previsto destinar 1,3 millóns de euros a cada un dos programas; o 45% do investimento total.