24/04/2021

O Centro de Interpretación do Camiño do Norte de Mondoñedo acolleu o II Encontro Xacobeo Peregrinas

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na segunda sesión do ciclo de encontros multidisciplinares ‘Xacobeo Peregrinas’ en Mondoñedo (Lugo)
  • A actriz Sara Escudero, a poetisa Yolanda Castaño e a regatista Ángela Pumariega foron as convidadas a compartir a súa experiencia no Camiño do Norte
  • Lorenzana destacou que grazas ao deporte feminino é posible visibilizar referentes para as rapazas galegas e inculcar valores como o respecto e o compañerismo
  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou o carácter integrador do ciclo de encontros, que favorece a descentralización do Xacobeo 21-22 e aproveita as tecnoloxías para chegar a máis cidadáns
Mondoñedo (Lugo), 24 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe no II Encontro Xacobeo Peregrinas, no Centro de Interpretación do Camiño do Norte de Mondoñedo, en Lugo. O acto contou coa participación no coloquio como invitada da regatista, ouro nas olimpiadas de Londres 2012, Ángela Pumariega, así como coa actriz e humorista Sara Escudero, e a poeta Yolanda Castaño.

A titular de Emprego e Igualdade amosou que a pesares dos progresos das mulleres a labor da Xunta é a de seguir traballando para “non dar nin un paso atrás, para seguir mellorando o presente o futuro das que virán”.

Lembrou que o Goberno galego leva anos traballando en prol da igualdade de oportunidades e na loita contra a violencia de xénero no ámbito deportivo. Segundo relatou, o deporte constitúe en si mesmo un motor de cambio, que inculca valores como a tolerancia e o respecto, a disciplina, o compañeirismo ou a inclusión social. “Axúdanos cada día a eliminar estereotipos e a implantar novos modelos que realmente nos representen a todas e a todos”, manifestou.

Lorenzana enumerou o Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de 1º máximo nivel estatal de Galicia, co que a Xunta está a apoiar ás deportistas para que logren un óptimo desenvolvemento profesional e consigan chegar tan lonxe como se propoñan e para visibilizar, por outra banda, a deportistas como Ángela Pumariega, “como referentes de éxito para as máis novas”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pola súa banda, destacou que Xacobeo Peregrinas é un exemplo perfecto do que está a ser a programación deste Xacobeo 21-22, tanto pola súa descentralización como pola súa diversidade integradora e polo uso das novas tecnoloxías, “que nos está a permitir celebrar este ciclo de intercambio de experiencias dun xeito máis aberto e transversal, movéndonos polos diferentes camiños e nas catro provincias con estes encontros de carácter mensual nos que contamos coa participación de persoas con perspectivas e experiencias moi diversas”. Xacobeo Peregrinas recolle, en definitiva, esta idea de propiciar espazos comúns e lugares onde compartir historias situando a Galicia no epicentro do fenómeno da peregrinación e a muller como protagonista.

O de hoxe foi o segundo encontro do ciclo Xacobeo Peregrinas, enmarcado na programación do Xacobeo 2021-2022, que se estreou o pasado 13 de marzo en Santiago e inclúe dez sesións, con periodicidade mensual, abertas ao público. Cada unha das accións está dedicada a unha ruta xacobea distinta, co obxecto de por en valor a singularidade do seu percorrido e as experiencias das peregrinas.

O programa pretende xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista. Para facelo, a Xunta conta en cada sesión con profesionais de distintas disciplinas e procedencias. Relatan a súa vinculación co Camiño de Santiago, contando en cada proposta un nexo de unión con el: un libro, unha historia, unha experiencia personal...
Mondoñedo foi o lugar elixido para este segundo encontro, polo seu peso histórico e cultural e para por en valor o Camiño do Norte do que é protagonista.