03/05/2021

O Festival Internacional ‘Pórtico do Paraíso’ volve unir música e patrimonio na súa 14ª edición co apoio da Xunta

  • A cita, que foi presentada hoxe a bordo dun catamarán no río Sil, súmase este ano ao calendario de actividades do Xacobeo 21-22
  • O evento desenvolverase do 4 ao 13 de xuño, con catro concertos e un documental en diferentes mosteiros da Ribeira Sacra e outros espazos de Ourense
Nogueira de Ramuín (Ourense), 3 de maio de 2021

A Xunta de Galicia colabora un ano máis na organización do Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, promovido pola Asociación Pórtico Musical e que chega á súa 14ª edición unindo música e patrimonio. A cita, que este ano se suma ao calendario cultural no marco da celebración do Xacobeo 21-22, terá lugar do 4 ao 13 de xuño cunha carteleira de concertos e outras actividades en diferentes monumentos da Ribeira Sacra e de Ourense.

A presentación do evento tivo lugar hoxe nunha rolda de prensa no catamarán que percorre o Sil desde o peirao de Santo Estevo, no Concello ourensán de Nogueira de Ramuín. No acto participaron, en representación do Goberno galego, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Segundo se anunciou, nesta edición, o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá.

Así, o grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva, que actuará no mosteiro de Santa María, en Xunqueira de Espadanedo. Finalmente, o peche porao o acordeonista vasco Iñaki Alberdi o domingo 13 no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos.

Experiencia única de escoita

A fórmula de unir a música con destacados espazos patrimoniais e paisaxísticos converte este festival nunha experiencia única de escoita consolidada na difusión de intérpretes galegos, nacionais e internacionais. A descentralización xeográfica é outro dos valores do evento, xa que permite combinar a carteleira musical con percorridos turísticos pola xeografía ourensá. Así o explicou na súa intervención, Jacobo Sutil, quen agradeceu o esforzo da Asociación Pórtico Musical pola organización deste evento nun contexto de dificultade pola situación sanitaria derivada da covid-19. O representante da consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou, así mesmo, o compromiso co público de todos os colectivos culturais galegos que están “a traballar arreo nesta mesma liña de recuperación e dinamización das nosas manifestacións culturais”.