06/06/2021

A Xunta pon en marcha unha unidade móbil para promover o Xacobeo en dez cidades españolas e dúas portuguesas

  • Un camión personalizado con temática xacobea e a oferta turística galega comezou en Asturias unha xira promocional por doce cidades que rematará o día 29 en Braga
  • Os visitantes poderán acceder ao interior do vehículo e recibir información turística e coñecer as oportunidades que ofrece o Ano Santo aos visitantes
  • León acolle esta fin de semana a promoción de Turismo de Galicia
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2021

Logo de pasar polas cidades asturianas de Xixón e Oviedo, León acolle esta fin de semana o programa de promoción do Xacobeo 2021-2021 e da oferta turística de Galicia a través dunha unidade móbil na que os visitantes poderán coñecer os recursos turísticos máis importantes da comunidade galega e as oportunidades que presenta a celebración do Ano Santo.

Esta iniciativa ponse en marcha co obxecto de continuar impulsando o turismo de proximidade, xa que as localidades que se visitarán correspóndense coas 12 cidades de maior poboación situadas a menos de 600 quilómetros de distancia de Galicia.

Este vehículo concíbese coma un reclamo publicitario en ruta, tanto polo seu deseño exterior como polas gráficas e elementos de promoción incluídos para poñer en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

Ademais do espazo de información turística, os visitantes tamén poden acceder ao interior, no que se mostran proxeccións de vídeos e imaxes relacionadas co Camiño de Santiago e os recursos turísticos galegos.

Este camión de promoción conta tamén cunha exposición de pezas de artesanía, pantallas dixitais sobre a oferta turística, produtos con denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como un set fotográfico conmemorativo do Xacobeo 21-22 no que os visitantes son agasallados cunha fotografía instantánea que poderán facer neste espazo.

A acción de promoción levarase a cabo no decurso do mes de xuño, con estadías de dúas xornadas en cada cidade, agás en Madrid e Porto, nas que estará presente tres días.

Segundo o calendario previsto, esta unidade móbil de promoción turística e do Xacobeo estará, ademais de en Xixón, Oviedo e León, en Santander o 8 e 9 de xuño; en Bilbao, o 10 e 11 de xuño; en Burgos, os días 12 e 13 de xuño; en Madrid, o 15, 16 e 17 de xuño; en Valladolid, os días 18 e 19 de xuño; en Zamora, o 20 e 21 de xuño; en Salamanca, os días 22 e 23 de xuño; en Porto, os días 25, 26 e 27 de xuño, e en Braga, os días 28 e 29 de xuño.