04/06/2021

A Xunta presenta o cartel de “O Son do Camiño-Perseidas” que reunirá no Monte do Gozo entre o 14 xullo e o 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais

  • Galicia volverá converterse neste verán referente musical cun novo formato de concertos adaptado á situación derivada da pandemia da covid-19
  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron hoxe o cartel, que contará con 18 artistas en 11 días e tódalas medidas de prevención ante a covid-19
  • Alfonso Rueda destacou a importancia de recuperar a confianza do público na asistencia aos concertos, que marcan a esencia de cada Ano Santo
  • Contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi, Xoel López, Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren
  • Román Rodríguez subliñou que este certame amosa a aposta de Galicia pola reactivación do sector cultural de xeito seguro ao tempo que impulsa a presenza de artistas galegos
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron hoxe o cartel dos concertos de O Son do Camiño-Perseidas, un novo formato do coñecido festival adaptado ás circunstancias da pandemia e que congregará do 14 de xullo ao 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo.

Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo 21-22. O Son do Camiño-Perseidas contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi ou Xoel López. O cartel complétase con Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren.

Así o deron a coñecer hoxe Alfonso Rueda e Román Rodríguez xunto con representantes das empresas organizadoras deste ciclo de concertos, Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise. Ademais, en tódolos concertos aplicaranse tódalas medidas de prevención ante a covid-19 para garantir a seguridade dos asistentes.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que os concertos son a esencia da celebración de cada Ano Santo, polo que este evento será importante para recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos públicos con tódalas garantías. Así, incidiu en que o Xacobeo serve de elemento transversal para impulsar o crecemento das industrias culturais e musicais e posicionar a Galicia como sinónimo de calidade.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou que O Son do Camiño-Perseidas representa “un puntal da recuperación do sector cultural a nivel nacional”, ao tempo que sitúa a Galicia “como exemplo de xestión, de administración e de apoio á industria”. Así mesmo, salientou “a variedade e a excelencia da escena galega” representada nun cartel que exhibe o músculo musical e a promoción dos artistas autóctonos.