04/09/2021

A Xunta impulsa 17 ciclos e espectáculos musicais cun cento de actuacións a través da nova liña de axudas a concertos do Xacobeo 21-22

  • O secretario xeral de Cultura e os directores de Industrias Culturais e Turismo de Galicia reuníronse cos representantes das promotoras destes eventos, adxudicatarias de preto de 850.000 euros en subvencións para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística
  • Ao tempo, búscase facilitar o restablecemento das programacións culturais nas localidades que acollerán os concertos, todas elas situadas en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico
  • Esta nova medida do Plan autonómico de reactivación do sector cultural é froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia no marco das programación conmemorativa do Ano Santo
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia acaba de resolver a adxudicación da súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de espectáculos musicais no marco do Xacobeo 21-22, mediante a que distribúe preto de 850.000 euros entre 17 ciclos e eventos que suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Con esta iniciativa, dirixida especificamente a profesionais autónomos e empresas que rexistraron perdas de ingresos a raíz da crise sanitaria, refórzase o apoio do Goberno galego á reactivación da actividade empresarial e artística no sector musical. Ao tempo, búscase fomentar a recuperación das programacións culturais nas 17 localidades nas que se levarán a cabo os espectáculos, todas elas situadas en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e os directores de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse cos representantes das 17 promotoras galegas subvencionadas para coñecer de primeira man o estado e alcance das súas propostas, así como os protocolos de seguridade e medidas anticovid implantadas en cada caso.

Programación descentralizada

Esta nova liña de apoio enmárcase no Plan de reactivación do sector cultural da Xunta e forma parte da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia co gallo do Xacobeo 21-22. Ao abeiro deste acordo, estase a impulsar unha programación variada, distribuída por todo o territorio e destinada a todo tipo de público, á que se incorporan estas 17 iniciativas de promotoras independentes.

Segundo a resolución da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre os eventos subvencionados atópanse o concerto de Xoel López ofreceu o pasado día 31 en Mos dentro do proxecto Latitudes, así como o EsPazo Fest que tivo lugar entre os meses de xullo e agosto en diferentes pazos históricos de Nigrán, o Pasatempo en Betanzos ao longo de xullo e Camiñantes en Samos o 8 de agosto e en Sanxenxo o pasado día 25.

Tamén resultaron adxudicatarios o Fisterra Blues Experience e o Eidos de Outono do Courel, ambos a mediados de setembro, e o D-Fest de Lalín, que terá lugar o 25 de setembro. En outubro celebraranse As Noites do Porto na Coruña, Marín É Música e O Son dos Arrieiros na Estrada, ao tempo que arrancará o ciclo Xacobeo Importa, con actuacións ata decembro en Pontevedra, Lugo, Vigo, A Coruña, Ourense e Ferrol. Xa en novembro, será a quenda de Son do Mar en Vigo, Que Non Pare a Música en Pontevedra e Porto Maresía, na Coruña e Vigo a finais desde mesmo mes, mentres que en decembro terán lugar a estrea da ópera María Soliña en Lugo e dous concertos de figuras internacionais en Santiago de Compostela.