05/10/2021

A Xunta aposta pola colaboración entre o Goberno central e as CCAA na promoción do Xacobeo 21-22 para reactivar a peregrinación en toda España

  • O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou hoxe na inauguración en Pontevedra a exposición “Carteis para un Camiño. 100 anos de ilustración xacobea” a necesidade de difundir de forma conxunta as rutas xacobeas e o Ano Santo polo seu potencial na recuperación do sector turístico a nivel estatal
  • A mostra, organizada no marco da programación do Consejo Jacobeo, recolle reproducións de carteis e folletos que reflicten a iconografía xacobea ao longo do século XX
  • Poderá visitarse en Pontevedra ata o 30 de outubro e percorrerá en total 10 localidades españolas para invitar a camiñar a Galicia
  • A Xunta destaca que xa se superaron as expectativas deste ano coa entrega da Compostela 140.000 debido ao traballo levado a cabo para reforzar Galicia como destino seguro cun Camiño Seguro
Pontevedra, 5 de outubro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na inauguración en Pontevedra da exposición Carteis para un Camiño. 100 anos de ilustración xacobea a importancia da colaboración entre o Goberno central e as comunidades para a difusión do Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 21-22 debido ao potencial das rutas xacobeas como reclamo turístico e do Ano Santo como fenómeno recoñecido a nivel internacional que constituirá o motor da recuperación do sector turístico tanto en Galicia como resto de España.

De feito, engadiu que a reactivación da peregrinación a través de tódalas rutas que atravesan o territorio nacional e a celebración do Xacobeo beneficiará á comunidade galega por ser meta de tódolos camiños e, en xeral, á marca España.

Así o destacou na inauguración na Alameda de Pontevedra desta mostra incluída na programación do Consejo Jacobeo na que participou xunto coa directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura e Deporte, Adriana Moscoso del Prado e á que tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

A cidade pontevedresa é a primeira parada desta mostra itinerante que chegará a outras 9 localidades españolas doutras tantas comunidades. Poderá visitarse en Pontevedra ata o 30 de outubro e logo pasará por Tineo (Asturias), Laredo (Cantabria), Sangüesa (Navarra), Jaca (Aragón), León (Castela e León), Mérida (Estremadura), Sevilla (Andalucía), Cuenca (Castela-A Mancha), e Nájera (A Rioxa). A exposición recompila reproducións de carteis, folletos e programas de festas do século XX para coñecer as tradicións que conflúen no Camiño e a iconografía xacobea neste período.

Alfonso Rueda destacou a necesidade de reactivar a actividade do Consejo Jacobeo, no que están representadas o Goberno central e as comunidades, para continuar coa recuperación do sector turístico trala pandemia a través da difusión do Camiño e do Xacobeo 21-22.

Nesta liña, sinalou que o traballo feito desde a Xunta para reforzar Galicia como destino seguro cun Camiño seguro permitiu superar as expectativas e recibir xa onte ao peregrino 140.000 con Compostela selada, cando esa era a cifra coa que estaba previsto pechar este ano. Por iso, engadiu que as previsións son positivas de cara o que queda por diante deste Ano Santo Dobre coa chegada de máis turistas e peregrinos de todo o mundo a medida que se vaia recuperando a mobilidade e co despegue do turismo internacional.