17/11/2021

O Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo impulsa o libro 'Matrias illadas', que recompila as fotografías e versos da mostra homónima en homenaxe ás mulleres


  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación, que integra a mostra-homenaxe ás devanceiras das súas creadoras, Neves Seara e Tamara Andrés
  • A exposición poderá visitarse de balde no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 25 de novembro, onde se poderá recoller tamén o libro ata esgotar existencias
  • Valentín García tamén participou na entrega do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade a Marta Lado polo seu traballo A pita xefa
Vigo, 17 de novembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu no Museo do Mar de Galicia á presentación do libro Matrias illadas, inserido no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 e artellado a raíz da exposición homónima de fotografías e poemas elaborados por Neves Seara, artista plástica e performer, e Tamara Andrés, poeta, tradutora e investigadora. Tanto a mostra como o volume constitúen unha homenaxe das creadoras ás súas devanceiras e á súa herdanza.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo acolle propostas “moi variadas, de disciplinas diversas, mesmo multidisciplinares, como é o caso desta iniciativa todas elas coa lingua galega como eixo ou ferramenta de comunicación”.

Matrias Illadas é un proxecto artístico multidisciplinar que recolle unha selección de fotografías sobre costumes, usos cotiáns e historias de mulleres que foron illadas e asoladas polo seu destino, tomadas por Neves Seara en diferentes lugares de Galicia e acompañadas dos seus respectivos textos, obra de Tamara Andrés. Un traballo co que as súas creadoras quixeron ofrecer unha homenaxe artística e un desenlace simbólico de liberación para cada unha desas mulleres atrapadas na súa realidade ou na narrativa que se transmitiu de xeración en xeración.

Alén da exposición, o libro, editado pola Xunta de Galicia baixo o mesmo nome, recolle esta mesma mostra e amplíaa cunha selección de fotografías e versos inéditos. A mostra, algúns dos obxectos usados para crear as fotografías e o dito libro poden visitarse de balde no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o vindeiro 25 de novembro.

As creadoras

Neves Seara licenciouse en Belas Artes e especializouse en Escenografía e Museografía. Traballa como artista plástica, xestora cultural e performer. Dirixiu Aire Centro de Arte en Santiago de Compostela, onde comisariaba exposicións e impartía clases de arte e creatividade. As súas obras teñen viaxado a cidades como Atenas, Bruxelas, Helsinki, A Habana, Lisboa, Londres, Madrid ou Nova York. Na actualidade dirixe o proxecto de industria cultural Casa Morada Servicios Culturales.

Tamara Andrés é escritora, tradutora e investigadora en formación. É a responsable da sección de literatura do Diario Cultural Zeta da Radio Galega. Entre as súas publicacións individuais destacan os poemarios Corpo de Antiochia (Editorial Galaxia, 2017), Bosque vermello (Edicións Positivas, 2019) e Irmá paxaro (Cuarto de Inverno, 2019). Textos da súa autoría foron publicados, entre outros, nas antoloxías No seu despregar (2015, Apiario) ou Anthology of Young Galician Poets (2019, Vakxikon).

Entrega do III Premio Fina Casalderrey

Xunto a esta presentación, Valentín García tamén participou hoxe na entrega do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, impulsado por Baía Edicións en colaboración coa Xunta. Acompañado de Belén López, directora da editorial, o representante autonómico foi o encargado de darlle o cheque regalo á actriz e escritora Marta Lado polo seu conto A Pita Xefa, ilustrado pola artista Marina Seoane.

Estes premios buscan promover a literatura infantil, non sexista e coeducativa en lingua galega que introduza elementos críticos. A obra gañadora obtén unha dotación económica de 2500 euros e publícase na colección contoXconto, de Baía Edicións.