Botón para pausa automático no carrusel

Presentación

O caderno de viaxe é unha arte que vén de lonxe: escritores e artistas plásticos adoitaban facer pequenos debuxos de momentos ou espazos que querían recordar, malia consideralos sinxelos apuntamentos aos que non lles daban importancia ningunha; dun tempo a esta parte, estas obras foron saíndo á luz e amósannos unha faceta descoñecida deses artistas.

Esta maneira de traballar púxose de novo en valor no ano 2008, grazas aos Urban SketchersGabriel Campanario tivo a idea de crear unha comunidade, en principio de amigos, cos que compartir nunha plataforma web os debuxos das súas viaxes. A esta aventura deseguida se sumaron máis e máis persoas, e hoxe forman parte dela centos de miles de afeccionados de todos os puntos do planeta.

Campanario virá dende Seattle para contarnos esta experiencia e debuxar canda os participantes no noso Encontro. Así mesmo, teremos a oportunidade de contar cos responsables do maior evento europeo de autores de cadernos de viaxe, o Rendez-vous du Carnet de Voyage de Clermont-Ferrand, onde se dan cita afeccionados e interesados no debuxo e a viaxe; un deles é o ilustrador francés Tazab, que estará en Santiago para ofrecernos o testemuño da súa vida cun caderno no peto.

Da man da artista xaponesa Natsko Seki descubriremos a experiencia de debuxar para unha das coleccións de cadernos de viaxe máis prestixiosas a nivel mundial, a de Louis Vuitton; e, saída do pincel da catalá Juliet Pomés Leiz, poderemos achegarnos a outra colección de éxito, os Quaderns de viatge do Concello de Barcelona, editada en colaboración con Zahorí Books. A súa creadora, Mireia Trius, tamén falará desta iniciativa e da importancia deste tipo de debuxo para a promoción das cidades.

E sendo ano Xacobeo, non podiamos deixar pasar a oportunidade de ilustrar o Camiño; neste caso, coa irlandesa Róisín Curé e a catalá Maru Godás que se centrarán no Camiño Inglés, co proxecto O Camiño debuxado.

Pechan a listaxe de convidados a portuguesa Ana Luisa Frazão e o gaditano Joaquin González Dorao, que se encargarán de impartir obradoiros nos seus recantos favoritos de Santiago, cidade da que son grandes coñecedores.