Botón para pausa automático no carrusel

O Son do Camiño

Co fin de favorecer a proxección internacional do Xacobeo 2021, a Xunta de Galicia, en colaboración coa UTE formada por Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., impulsa desde 2018 o festival “O Son do Camiño”.

Na súa aínda breve traxectoria, “O Son do Camiño” converteuse xa nun dos referentes indiscutibles do panorama festivaleiro musical nacional e internacional. De feito, foi recoñecido nos Iberian Festival Awards nas categorías de Mellor Novo Festival e Mellor Actuación internacional de 2018 na Península, a de Lenny Kravitz.

Ao longo de tres días de programación musical no renovado Monte do Gozo, os asistentes gozan de referentes mundiais do pop-rock ou a música electrónica como o citado Lenny Kravitz, Jamiroquai ou Martin Garrix (2018), e Iggy Pop, Richard Ashcroft, Rosalía ou David Guetta (2019).

Pero o festival déixalles tamén un lugar destacado aos artistas galegos. Bandas como Triángulo de amor bizarro, Eladio y los seres queridos, Novedades Carminha, Bala ou True mountains, entre outros moitos, brillaron con luz propia nas dúas primeiras edicións.

O feito de que en 2018 os abonos se esgotasen ás dúas horas de saíren á venda e en 2019, en menos dunha hora, dá unha idea do éxito que supón a celebración deste festival, que, ademais de garantir un importante retorno económico para Galicia, acolle un 59% de asistentes procedentes de fóra da comunidade, co que isto supón para a promoción exterior de Galicia.